Historia do centro


O Colexio Santiago Apóstol de Ponteareas comezou a súa andaina educativa alá polo ano 1945; momentos nos que nesta pequena vila non existía ningún Centro que se ocupase do Ensino Secundario.  

       Por iniciativa privada, en locales sinxelos, comezou unha oferta aberta aos alumnos/as do antigo Bacharelato, Estudos de Comercio (actualmente coñecidos por Empresariais) e Estudos de Maxisterio. Todos eles en réxime académico e, por conseguinte, pendentes de seren recoñecidos oficialmente mediante as correspondentes probas ás que eran sometidos nos Centros estatais. 

       Eran tempos difíciles dado que o traballo de todo un ano dependía da sorte duns intres, que ademais, estaban condicionados aos nervos propios da responsabilidade. 

       Así foron transcorrendo uns anos, ata que a Titularidade do Centro  considerou necesario acada-lo recoñecemento oficial dos estudos que se impartían e, deste xeito, ter autonomía propia. Proxecto conseguido no ano 1970 e, a partires do cal, Ponteareas  podía gabarse de dispor dun Centro coa clasificación de Recoñecido Elemental, condición esta que lle facultaba para  poder imparti-los catro primeiros cursos do antigo  Bacharelato de forma oficial sen te-la necesidade de revalida-los seus estudos con probas en Centros Oficiais. 

       Os promotores desta empresa, sempre polo ben dos seus alumnos/as, non se sentían satisfeitos dos logros obtidos ata entón, xa que, o problema dos estudos, seguía aínda sen resolverse na súa totalidade. Fixeron as xestións e adaptacións precisas para que o Recoñecemento englobase aos estudos Elemental e Superior. 

        Este logro foi publicado no BOE do 25 de setembro de 1972, co cal, os alumnos/as de Ponteareas, dispoñían dun Centro Educativo que lles facultaba para obte-lo Título de Bachiller Superior sen necesidade de térense que desprazar a zonas distantes da súa residencia.

Esta oferta educativa non afectou só aos alumnos/as de Ponteareas senón que foron moitísimos os que  a diario viñan desde Arbo, As Neves, Salvaterra, Xinzo  eoutras zonas limítrofes a Ponteareas; outros pertencentes a zonas de Vigo, Baiona, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía, Fornelos de Montes, Ourense, Ribadavia,… que facían uso do servizo de internado ofertado tamén polo propio Centro.

       Foron anos aqueles nos que moitos dos galegos se viron na obriga de emigrar a países fundamentalmente europeos e como consecuencia precisaban dun lugar onde os seus fillos estivesen protexidos e que ao mesmo tempo puideran cursar uns estudos e obter unha formación para o futuro. Naqueles anos, o número de alumnos internos do Centro chegou a 140 e que, a día de hoxe, moitos seguen a manifestar que foron os máis felices das súas vidas, os dos mellores recordos.

       Como os alumnos ían aumentando, facíase necesaria a dotación de máis e mellores espazos para a docencia así como para a práctica deportiva. Todo isto, pouco a pouco e ano tras ano foise acadando.

       A día de hoxe podemos falar de:

Un Centro cunha superficie de 9.800 m2 con catro edificios adicados á docencia e que acolle as diferentes dependencias:

  • 26 aulas.
  • Pizarra Dixital en 19 aulas.
  • 6 Aulas Abalar. (o máximo ao que se pode optar)
  • Salas de Medios Audiovisuais ( vídeos, DVD, Proxectores ).
  • Laboratorios de Física e Ciencias.
  • Aula de Tecnoloxía, Debuxo, Música, Psicomotricidade, Ximnasio, Biblioteca, Sala de Profesores, Sala de Xuntas, Despachos, Cociña propia e Comedor Escolar con capacidade para 200 alumnos/as.

    A nivel pedagóxico, está en continua innovación; boa proba disto é que desde fai uns anos estase a traballar na implantación do Modelo Europeo de Calidade baseado na Mellora Continua (Modelo EFQM de Calidade Total) para o que contamos co asesoramento e apoio do Instituto de Técnicas Educativas da CECE e o Clube Xestión de Calidade así como co asesoramento e colaboración da Xunta de Galicia.

Todo o acadado é froito do esforzo dunha empresa, que neste caso, podemos dicir que foi e é familiar.

      Os irmáns Benigno e Valentín Domingo Bastardo, xunto ás súas respectivas mulleres, Paquita Hernández e Pilar García adicaron moitos anos das súas vidas a loitar para que este Centro puidera ofrecer máis e mellor calidade aos seus alumnos/as.

      Para Ponteareas, ao igual que a súa bisbarra, esta traxectoria educativa é motivo de orgullo e como tal así lle foi recoñecido con data 6 de xuño de 1994 polos membros do Ilmo. Concello de Ponteareas outorgando ao “Colexio Santiago Apóstol” a Medalla de Prata do Municipio polos méritos contraídos co seu exemplar labor educativo a prol dos veciños da Vila e do Concello de Ponteareas.

Na actualidade oferta estudos de Educación Infantil, E. Primaria e Secundaria Obrigatoria; todas coa Clasificación Definitiva e que son impartidas por un total de 32 profesores coa debida titulación e especialidade, adaptándose progresivamente aos diferentes trocos esixidos por cada unha das Leis Educativas polas que xa pasou desde a súa creación.

       O actual Equipo Directivo está constituído por Gregorio Amoedo Troncoso quen exerce a Dirección do Centro, José Manuel Davila Peleteiro, sobre quen recae a Xefatura de Estudos, e Noémy Amoedo Amoedo quen exerce a función de Secretaria. Curiosamente, os tres comparten ademais teren sido, no seu día, alumnos/as do colexio.

Froito deste traballo son: o Premio Nacional ás Mellores Prácticas Educativas, acadado polo Centro o día 18 de decembro de 2003, o Premio Provincialacadado o 5 de xuño de 2004 polo Proxecto “Traballando Hábitos e Valores na Educación Ambiental” e o Premio Nacional do concurso Coca-Cola acadado no curso 05/06.

Como outro gran logro, podemos contar o de acadar a autorización de dobre liña para todas as Etapas Educativas que se imparten no  Centro.

No curso 07/08 acadamos o Premio Galicia do Programa Voz Natura competindo con 360 centros educativos da nosa Comunidade.

No curso 08/09  acadamos o nivel de 300+ no modelo EFQM de Excelencia. Fomos o primeiro centro da nosa Comunidade en acadar este recoñecemento; na actualidade, tan só 38 centros en toda España o teñen acadado.

No curso 10/11  somos o único centro piloto, da rede concertada, na implantación do Proxecto ABALAR. Participamos con 3 aulas unha de 5º de Primaria e 2 de 1º de ESO. Este ambicioso proxecto da Xunta de Galicia centra toda a súa atención en aplicar as novas tecnoloxías á educación.

Neste mesmo curso somos declarado Centro Plurilingüe, polo que os alumnos de 1º de Primaria estudan en Inglés ás materias de Science e Arts

No curso 11/12 ampliamos o número de aulas Abalar a 6, abranguendo tamén os niveis de 6º de Primaria e 2º de ESO. Ampliamos tamén os cursos que participan no Proxecto de Plurilingüismo; participan este ano 1º e 2º de Primaria.

No curso 11/12 comezamos a facer efectiva a dobre liña en Educación Infantil. Neste curso ofertamos 50 prazas para o nivel de E. Infantil 3 anos.

No curso 13/14 outórgasenos o Premio Concello de Ponteareas 2013 á labor social.

No curso 15/16 incorpóranse, os alumnos de 6º de Primaria, ao Proxecto Plurilingüe.(Toda a E Primaria está xa no Proxecto Plurilingüe)

No curso 16/17 inícianse as Seccións Bilingües en ESO, na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.